O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, asinou esta mañá o decreto co que aproba a contratación do servizo para a redacción dos proxectos técnicos de humanización da rúa Quiroga Ballesteros e a súa adxudicación ao arquitecto lucense José Antonio Rodríguez Moscoso, autor xunto cun equipo multidisciplinar da proposta gañadora do concurso de ideas convocado polo Concello para elixir o deseño.
A oferta económica presentada por Rodríguez Moscoso é de 18.150€. En canto aos prazos, o 26 de decembro rematará o de elaboración do proxecto de peonalización e para o da cuberta disporá de tres meses. O equipo redactor deberá ser multidisciplinar, pois do mesmo deben formar parte necesariamente un enxeñeiro de camiños, un arquitecto, un enxeñeiro técnico agrícola e un aparellador. As estimacións do Goberno apuntan a que as obras de peonalización poderían comezar antes do verán.
A proposta gañadora consiste nunha pérgola a base de árbores artificiais a modo de bosque urbano que soportan unha cuberta de vidro con acabado tamizado. As árbores proxectadas teñen un tronco tubular metálico de diferente diámetro e a copa asemella unha estrutura de madeira laminada de forma sensiblemente cadrada, aínda que de esquinas redondeadas e atravesada pola luz, pero que proporcionará unha sombra discontinua. Os ocos entre árbores cubriranse igualmente con vidro e as copas terán sendas tiras de luz indirecta que proporcionará unha iluminación suave e agradable a nivel de peón.