O PP de A Fonsagrada lamenta que o Concello perdese unha axuda da Xunta para o emprego

O PP de A Fonsagrada lamenta que o Concello perdese unha axuda da Xunta de Galicia para o fomento do emprego no rural, a consecuencia da “mala xestión do alcalde”; o que demostra, indican, “o escaso ou nulo interese do rexedor  socialista por dar novas oportunidades laborais aos seus veciños”.

Concretamente, o 9 de outubro a entidade local dirixiuse á administración autonómica para solicitar a contratación dun oficial durante 9 meses. O día 16 dese mesmo mes, a consellería de Economía, Emprego e Industria detecta que o Concello non presentou toda a documentación que esixen as bases desta convocatoria e requírelle á entidade local a presentación da mesma para poder completar o expediente e así proceder á súa aprobación e posterior concesión. Diante este proceso, e para sorpresa dos populares, o Concello non contesta ao requerimento, o que obriga á Xunta de Galicia a desestimar dita subvención; dito desestimento foille notificado o 14 de novembro á entidade local.

Deste xeito, os populares de A Fonsagrada consideran que o alcalde renunciou “a unha oportunidade extraordinaria para poder crear postos de traballo nun municipio que, ademais, ao estar na Montaña, xa dispón de menos recursos”. Por outra banda, José Luis Regueiro recoñece que “a situación non lles sorprende”, pois “non hai máis que ver o que fixo cos traballadores que despediu dos GES. Reducir paro ao noso alcalde non lle importa, dar traballo aos veciños non lle importa; só lle importa o que el quere. E el e nada máis que el”, remarca.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com