O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a Concelleira de Economía, Ana Prieto Nieto, o Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, e o Director Territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez Álvarez, presentaron este martes Merca e Gaña polo Nadal. É a campaña de sensibilización e visibilización cidadá que promove a Deputación a través de todos os colectivos que integran a Federación de Comercio de Lugo, e coa que colabora o Concello na capital, co obxectivo de promover as compras nos máis de 5.500 establecementos de toda a provincia. Faino con distintos soportes promocionais e premios de ata 10.000 euros para reinvestir nos comercios.
Merca e Gaña polo Nadal desenvolverase dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estas datas, ademais de incentivar as compras no comercio local con material promocional nas rúas dos 67 Concellos ou en redes sociais co hashtag #nadalmercaegaña; as persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros. Para elo, débese fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante.
O sorteo ante notario será o 12 de xaneiro. Santos Ramos destacou que “as compras polo Nadal supoñen entre o 25% e o 30% do total das vendas anuais do comercio, sendo unhas datas prioritarias para este sector. Con esta campaña, queremos contribuír ao impulso dos máis de 5.500 establecementos dos 67 Concellos, que dan emprego a 12.500 lucenses e que representan o 13% do PIB da provincia. Queremos concienciar á cidadanía da importancia de mercar no comercio de proximidade e trasladar que mercando nos establecementos da nosa provincia gañamos todos”.
Prieto Nieto explicou que o Concello tamén colabora co desenvolvemento desta campaña na capital onde participarán os 700 establecementos existentes, que dan emprego a 1.750 persoas. “Cremos que o tecido que se crea ao redor destas pequenas tendas, xera emprego, ingresos económicos para as nosas familias e dinamiza as nosas rúas”.
Pola súa banda, Seijas López subliñou que “o obxectivo fundamental desta campaña é encher de Nadal a provincia de Lugo e crear ese ambiente festivo e alegre propio destas datas fomentando as compras. Ademais con esta iniciativa apostamos por incentivar o uso das novas tecnoloxías, tanto por parte dos consumidores como dos comerciantes, pois temos claro que a dixitalización do comercio é o presente, un paso obrigado”