Representantes de Alemaña na UE coñecen as claves da desfeita provocada pola industria do eucalipto en Galiza

 

O 95% da celulosa que produce a empresa ENCE vai destinada ao mercado europeo, sendo o principal receptor Alemaña, cun 23% da produción, seguido de Italia, co 16%. É dicir, o 17% do noso territorio está inzado de eucaliptos dirixidos principalmente a abastecer demandas da UE. 

Para explicar de primeira man as graves consecuencias deste escenario e, nomeadamente, as referidas ao risco incendiario e á perda do noso patrimonio arqueolóxico, representantes das 20 entidades galegas desprazadas a Bruxelas no marco da delegación “Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización”, organizada pola eurodeputada do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, mantiveron durante esta tarde unha xuntanza coas eurodeputadas alemás Maria Heubuch (Verdes),SabinLosin (GUE/NGL) e o eurodeputado alemán Stefan Eck (GUE/NGL).

 Voceiras/os das organizacións galegas denunciaron nesta xuntanza a “orientación exclusivamente economicista e cortoplacista, ao servizo da industria do eucalipto-celulosa do actual modelo forestal da Xunta de Galicia”, engadindo a súa preocupación pola falta dunha lexislación “que defenda, de verdade”, a protección do patrimonio fronte aos usos industriais e forestais do monte”.

 Precisamente o monocultivo indiscriminado de especies arbóreas alóctonas, invasoras e pirófitas “alentado e promovido dende o Goberno galego”, xunto á falla de planificación na xestión do monte e a demanda de madeira da industria da celulosa e do control sobre a súa orixe, foron denunciadas neste encontro como as principais ameazas para a sostenibilidade do patrimonio forestal e etnográfico galego.  

Segundo os organizadores “os datos económicos concretos, sinalan que o valor da madeira cortada cada ano na Galiza, principalmente pinos e eucaliptos, suma 300 millóns de euros que van ao ao sector privado, pero o propio custo da extinción e mantemento desta colleita supón un gasto anual de 175 millóns de euros de cartos públicos”. É dicir, os custos dun modelo forestal que ameaza permanentemente non só o noso patrimonio, biodiversidade e augas, senón tamén ás persoas e áreas habitadas, está a repercutir directamente na cidadanía.

Lídia Senra, pola súa banda, destacou tamén a necesidade de “seguir traballando dende o Parlamento Europeo e as institucións comunitarias para conseguir que o eucalipto sexa incluído no decálogo de especies invasoras da Unión Europea”. A sostenibilidade, a diversidade e, no caso de pobos como o galego, o propio rol cultural e identitario dos nosos montes debe ocupar un lugar principal nas políticas públicas adoptando un compromiso firme por recuperar e manter esta riqueza. “A paisaxe e a biodiversidade forman parte do patrimonio cultural”, destacou a eurodeputada galega, “e máis en pobos como o galego, onde o monte é unha das nosas principais claves etnográficas, forma parte fundamental das nosas tradicións, gastronomía, lendas e imaxinario como pobo”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com