Lugonovo insta ao Concello a dar utilidade ao antigo vertedoiro de Teixeiro

A agrupación municipal Lugonovo insta ao goberno local a darlle unha utilidade ao antigo vertedoiro de Teixeiro, xa que, segundo comprobou o edil Iñaki García esta mañá, a solución que o concello lle deu á petición de Lugonovo para precintar as arquetas existentes no terreo foi tapar con pneumáticos amoreados no que un día foi a caseta da depuradora.

“Non se pode ser máis chafalleiro!”, afirma Iñaki García sobre esta intervención feita polo Concello no antigo vertedoiro. “Chamarlle a esto acondicionamento da parcela parécenos unha tomadura de pelo, cando salta á vista que o que se fixo non pasa de chapuza, sendo creativos, igual o que tentaban era promover a reciclaxe”, ironiza García
Gómez.

“Atravesar catro rodas, que non deixan de ser tamén residuos contaminantes, non nos parece unha medida apropiada para resolver un problema de falta de seguridade coma este. Nin resulta eficaz, nin tampouco nos parece un  procedemento axeitado ao que se agarda dunha institución. Máis ben semella que botaron man do primeiro que atoparon pola contorna para sacarse de diante a papeleta”.

O concelleiro apela á responsabilidade do executivo para evitar que o predio recupere as súas vellas funcións. “É como se o lixo botara raíces alí, porque volve estar cheo de desperdicios: dende bolsas, a taboleiros de madeira, persianas, e mesmo váteres”. Iñaki García refire que o estado xeral do soar é unha pura contradición.

“Consentiuse que o tendido eléctrico que tiñan as vellas instalacións fora desvalixado por completo e que o edificio se convertera nun xacemento de caucho. E logo aquilo que xa non cumpre ningunha función, como son as tubaxes que derivaban os lixiviados, mantéñense na súa localización sendo, nada máis, que unha fonte de perigo, especialmente para os ciclistas que empregan este espazo para facer deporte”.

O edil de Lugonovo insta ao goberno a atoparlle unha finalidade á superficie, de maneira que darlle utilidade sexa, ao mesmo tempo, un bo remedio para garantir a súa conservación. “Agora mesmo pode haber dispoñibles ao redor dunhas 20 hectáreas de terra que ofrecen un amplo abano de posibilidades. Dende unha área recreativa que se convirta nun punto de encontro para o esparcimento dos e das lucenses ate un pequeno parque forestal ou un roteiro para prácticas como o running ou o sendeirismo, mesmo habería sitio dabondo para desenvolver proxectos de agricultura ou gandeiría ecolóxica”, suxire García Gómez.

“En todo caso – conclúe o concelleiro de Lugonovo – cremos que un bo inicio pode ser convocar un concurso de ideas para que a cidadanía, no seu conxunto, aporte as suxestións que lles parezan máis oportunas para darlle unha boa saída á zona”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com