O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, pediu ao Concello de Lugo que se retire do colexio das Mercedes o escudo franquista que permanece na fachada da rúa Montirón. Arroxo manifestou que “a actuación da Xunta de Galicia foi tardía pero exemplar, aínda que queda pendente o escudo do edificio de Sanidade na rúa María Balteira” e engadiu “entendemos que agora debe ser o goberno municipal quen execute a retirada do escudo do Colexio das Mercedes que permanece na fachada da rúa Montirón”.
“Algúns símbolos da ditadura xa quedaron en almacéns municipais e outros deben ser retirados para cumprir coa lei de memoria histórica” sinalou Arroxo e lembrou que “grazas ao BNG avanzouse na limpeza da simboloxía franquista pero aínda quedan cousas”. Arroxo sinalou que grazas ás iniciativas do BNG co apoio das outras forzas políticas, e a pesar do voto en contra do partido popular, o concello de Lugo mudou nomes de rúas que honraban a persoas vencelladas á ditadura. O BNG continuará co campaña para denunciar os incumprimentos da Lei de Memoría Histórica e que dificulta actuacións como recuperación de patrimonio roubado ás galegas e galegos como o propio Pazo de Meirás en Sada que continúa a ser propiedade da familia do ditador e que a súa xestión caeu en mans da Fundación Francisco Franco.
O voceiro nacionalista lembrou que en Lugo, e outras cidades, aínda quedan moitos edificios que teñen pequenas placas nas súas fachadas que teñen os símbolos da falanxe e pediu que o concello estableza un procedemento de retirada das placas con simboloxía franquista para aquelas comunidades de veciños que o desexen sen que lles supoña ningún tipo de custo. “É un xeito de avanzar na imaxe democrática do noso concello e de facer xustiza con todas as persoas que foron represaliadas” afirmou Rubén Arroxo. O concello deberá artellar un mecanismo para que o concello asuma os gastos de retirada das placas nas comunidades de propietarios que o desexen eliminar estes símbolos.