A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante esta ponte festiva, dende o mércores ata o domingo, alcanzando unha media dun 80% de ocupación.
Os datos confirman a liña ascendente de negocio neste período que, se ben en anos anteriores xa ía en aumento, este ano logrou unha suba maior porque, segundo a APEHL, os festivos coincidiron en días máis favorables para viaxar.
A Ribeira Sacra foi a zona da provincia con máis visitantes, cunha media do 85 % de ocupación. Lugo logrou o 83 %, A Mariña alcanzou o 80 % e A Montaña e a Terra Chá, estiveron polo 75 % e o 76 %, respectivamente.
Os hostaleiros consultados sobre este balance da ponte coinciden á hora de afirmar que a maioría dos visitantes que estes días fixeron parada na provincia procedían maioritariamente do territorio nacional e a media das estancias estivo en dous días. O venres, 8 de decembro, foi a xornada de maior ocupación. Algúns establecementos de Cervantes, Lugo, Viveiro e Monforte de Lemos puideron colgar o cartel de completo.