Dez novos concellos da provincia de Lugo implantarán a Historia Social Única Electrónica (HSUE), a plataforma da Xunta que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social colaboran para facilitar a difusión desta plataforma entre as entidades locais, así como a planificación conxunta e a coordinación das actuacións para axilizar a súa implantación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, inaugurou hoxe unha nova xornada de formación na que participaron o persoal dos servizos sociais de dez concellos adheridos á iniciativa, en concreto, os de Abadín, Bóveda, A Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Xermade e Xove.
Na provincia de Lugo a HSUE, que permite aos traballadores sociais acceder ao expediente social dos usuarios en formato electrónico, xa se implantou como experiencia piloto nos concellos de Sober e Viveiro, aos que agora se suman estes dez novos municipios.
Balseiro explicou que os cidadáns percibirán as vantaxes do novo sistema na simplificación das tramitacións, e nunha atención máis personalizada, xa que o profesional terá acceso de xeito inmediato a información máis relevante do seu historial, tanto de servizos como de prestacións ou recursos asignados. Ademais, facilitará unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.