A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a economía social cun investimento de preto de 60.000 euros en sete proxectos da provincia de Lugo a través de dous programas de axudas.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou a necesidade de apostar polo cooperativismo e a economía social en xeral -sociedades laborais e centros especiais de emprego- porque son unha “fórmula competitiva e de compromiso co desenvolvemento local, tanto dende o punto de vista económico como social”.
A través do programa de axudas Aprol Economía Social, que fomenta o emprego en cooperativas e sociedades laborais e o acceso de novos socios, a Consellería achegou 37.500 a catro cooperativas e empresas de economía social de Lugo.
Por outra banda, o programa de axudas a entidades colaboradoras da Rede Eusumo, supuxo para a provincia 22.000 euros, que recibiron a Mancomunidade de concellos galegos do Camiño de Santiago, con sede en Portomarín, Aprevar (Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios), e a Fundación CEL Iniciativas por Lugo para diversas accións de promoción do cooperativismo.
Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta para fomentar o cooperativismo e a economía social, coa que se pretende promover o espírito emprendedor, prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na Economía Social. A través desta canle, creada polo Goberno galego en 2012, constituíronse máis de 120 cooperativas e xeráronse xa máis de 460 empregos directos.
A Xunta tamén conta co Fondo de Economía Social (FES), dotado con 5 millóns de euros, que o Goberno galego pon a disposición das entidades de economía social para apoiar financeiramente ás empresas deste sector, que en Galicia aglutina a 7.000 entidades e 320.000 persoas.
En conxunto, a Xunta destina este ano á Economía Social, 16,9 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,4%.