A TIC apoia a integración sociolaboral dos usuarios de FEAFES con prácticas de formación no eido audiovisual

O presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, asinou este martes un convenio de colaboración co presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia-FEAFES, Xosé Ramón Girón, que facilitará a usuarios da entidade a realización de prácticas non laborais no Centro de Produción de Programas da TIC.

A sinatura do convenio tivo lugar coincidindo coa inauguración das instalacións de FEAFES Lugo, á que tamén asistiu o Alcalde de Lugo, José López Orozco.

No acto, Gómez Besteiro destacou que “dando á mozos lucenses a oportunidade de adquirir experiencia profesional no eido audiovisual, a Fundación TIC quere contribuír ao traballo que está a levar a cabo FEAFES na provincia, onde presta apoio e asesoramento individualizado a 312 persoas.

Durante a súa estadía na TIC, os beneficiarios realizarán labores de produción e documentación supervisadas por un titor”, engadiu Besteiro.

Na nova sede, sita na Ronda de Fingoi, a entidade dispón de máis espazo para desenvolver os seus servizos habituais de atención á saúde mental. Nunha superficie de 92 metros cadrados totalmente accesible, conta con tres despachos de atención a usuarios e unha sala de usos múltiples para formación.

Ao longo do ano pasado, 213 persoas beneficiáronse das accións formativas organizadas por FEAFES Lugo, 12 das cales tiveron a posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas. A través do seu Servizo de Orientación Laboral conseguiron ademais que 27 usuarios accederan a un posto de traballo.

A Fundación TIC mantén a súa colaboración con FEAFES dende o ano 2009, data na que subscribiu o primeiro convenio con esta entidade de ámbito galego, para promover o seu labor na provincia.

Na actualidade, a TIC ten asinados máis de 130 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais, agrupacións veciñais e entidades deportivas para difundir o seu traballo mediante a realización de traballos audiovisuais, co fin de completar a formación teórica dos alumnos con prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa inserción laboral.

@depulugo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com