O Grupo Provincial do PP vén de rexistrar un escrito dirixido ao presidente da Deputación, no que se recollen máis de 15 iniciativas “útiles para incluír nos orzamentos de 2018” xa que as contas que “nos presentou evidencian que o socialista carece dun proxecto para a provincia”.
A voceira deste Grupo, Elena Candia, explicou que “se fomos máis permisivos en pasadas anualidades foi porque decidimos dar o paso de ser unha oposición útil e intentar facilitar acordos para desbloquear a ausencia de contas nos exercicios pasados”. Pero agora, engade a popular, “hai moitas iniciativas que se aprobaron en Pleno que indubidablemente teñen que ter un reflexo nos orzamentos do vindeiro ano e que non aparecen”.
A popular asegurou que “somos alternativa de Goberno e non só por ter o grupo maioritario senón porque estamos convencidos de liderar o Goberno desta institución da mellor maneira, por iso neste exercicio debemos ser reivindicativos con esas peticións”.
O Grupo do PP presenta estas iniciativas “pensando no interese da provincia, recollendo as peticións que teñen aprobación en Pleno, e que por algunha circunstancia, que descoñecemos, non se queren levar a cabo nos orzamentos”, precisou Candia, quen destacou que “as súas propostas saíron directamente dos alcaldes e dos veciños e que buscan reforzar a Deputación”.
O presidente conta co apoio dos nacionalistas
Hai uns días o presidente do executivo provincial, Darío Campos Conde, anunciaba que, tras reunirse co BNG, tiña certa “afinidade” cos deputados nacionalistas. Afinidade que se confirmou esta que este grupo apoiará os orzamentos deste ano e, a pesares, de que Campos Conde confiaba en que o PP tamén votara en positivo pois “son uns orzamentos moi similares aos do pasado ano”, Elena Candia non estivo de todo dacordo.
O vindeiro xoves día 21 o goberno levará a Pleno este documento. De contar cos votos a favor do BNG, os orzamentos quedarían aprobados.