O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou esta mañá que a Xunta de Goberno vén de aprobar novos investimentos por valor de 2,2 millóns de euros para melloras en dotacións públicas de 13 localidades lucenses. Desta cantidade, 1,3 millóns, a maior parte, irá destinada á rehabilitación dos pabellóns 1 e 2 do Fogar de Santa María, en Lugo; 450.000 euros ao arranxo de dotacións servizos públicos municipais de 10 Concellos e 440.000 euros á mellora de 9 quilómetros de 4 estradas provinciais.
O resto do investimento se dividirá en tres partidas: unha destinada á rehabilitación de accesos viarios a núcleos rurais de Alfoz, A Pontenova, Monterroso, Pol, Barreiros, Monforte de Lemos e Ribas de Sil (76.000 euros); outros 65.000 euros para a compra dun camión para o parque móbil municipal de Riotorto, e unha última partida de 24.000 euros irá destinada á celebración do Festival 17 graos Ribeira Sacra.
A Xunta de Goberno aprobou ademais a listaxe provisional dun total de 204 empresas e colectivos sociais da provincia, que poderían beneficiarse do Ben Empregado 4. Son beneficiados de carácter provisional, pois agora abrirase un prazo de 5 días para a presentación da documentación necesaria. A previsión é aprobar a listaxe definitiva abrir o imprescindible período de alegación en 15 días. Os 204 beneficiados provisionais, son 166 empresas e 38 colectivos sociais, que solicitan axudas para a contratación de 213 lucenses no paro.