O director de cine Oliver Laxe, gañador de dous premios no Festival de Cannes e que vén de recibir o Premio da Cultura Galega 2017, ofrecerá este martes 19 de decembro unha charla na Deputación organizada pola Fundación TIC. A conferencia “Oliver Laxe e o cine de autor” será ás 12.00 horas no Salón de Actos da Deputación e estará aberta a todo o público interesado. A charla servirá tamén de clase maxistral aos alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son da TIC.
Oliver Laxe expoñerá a súa experiencia como director, que inclúe diversos premios de prestixio internacional. Na súa intervención, falará do proxecto que ten agora mesmo entre mans, a longametraxe Aquilo que arde, que se rodará o vindeiro ano en diversas localizacións da nosa provincia, especialmente no Concello de Navia de Suarna, de onde son orixinarios os seus avós. Alumnos da Escola de Imaxe e Son xa están a compartir parte do traballo de Laxe durante os ensaios da película que o director realiza en dependencias da TIC.
Con esta charla arranca un ciclo de masterclass sobre cine de autor que forma parte dun convenio de colaboración entre a Fundación TIC e Miramemira, a produtora audiovisual de Aquilo que Arde, que se asinará este luns en Navia de Suarna. Este ciclo inclúe o encontro do alumnado con outros destacados profesionais que impartirán os seus coñecementos sobre pre-produción e produción, guión e dirección artística.