Alucem, único colectivo social da provincia que atende a perosas con esclerose múltiple ofrece, grazas ao apoio da Deputación, un servizo diario de fisioterapia. O Goberno Provincial destina ao mesmo unha axuda anual de máis de 10.000 euros para contratar a un fisioterapeuta que está a disposición dos 86 asociados. Deputación e ALUCEM ofrecen deste xeito un servizo imprescindible no tratamento desta enfermidade, que tenta compensar as limitacións de acceso á prestación do SERGAS por ser insuficiente, pois hai unha longa listaxe de espera debido á falta de recursos que destina a Xunta de Galicia.
A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, informou esta mañá da colaboración do organismo provincial con Alucem no encontro que mantivo coa Presidenta e Vicepresidenta deste colectivo, Rachel Feliciano e Verónica Corral, respectivamente, con motivo do Día Nacional de Esclerose Múltiple, no que se situou unha mesa de cuestación no Pazo de San Marcos.
Rachel Feliciano estimou que, á falta da actualización de datos oficiais, poden contabilizarse máis de 400 persoas con esta doenza na provincia de Lugo. “Levan anos falando desta cifra, e cada ano diagnostican a máis persoas, así que está claro que este número vai crecendo. Non todas as persoas fanse socios desta asociación, polo que creo que é moi importante ter presenza nun día como hoxe, o día nacional, para que as persoas vexan que estamos aquí para apoialos; para apoiar a todas as persoas con esclerose, dende os recén diagnosticados ata os que teñen a doenza máis avanzada”, explicou Feliciano.
“No día Nacional da Esclerose Múltiple, colaboramos coa campaña que desenvolve ALUCEM para dar visibilidade a esta enfermidade, informar á cidadanía sobre a doenza e dar a coñecer na provincia o labor que dita asociación desenvolve cos seus usuarios, é a que contribuímos dende o Goberno Provincial dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural”, subliñou a Deputada.
“É preciso que a Xunta de Galicia mellore os servizos públicos para atender a persoas con esta enfermidade, pois os que hai son insuficientes, obrigando aos colectivos sociais a buscar fondos e axuda doutras administracións, coas que ofrecer prestacións fundamentais para atención diaria das familias. É exemplo disto ALUCEM, que, coa colaboración da Deputación, ofrece este servizo diario de fisioterapia, ademais doutro de psicoloxía”.
Rachel Feliciano agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación “que axuda a garantir que os nosos usuarios reciban unha atención básica que lles permita enfrontar os brotes propios da doenza, tanto a nivel físico como psicolóxico. É necesario tamén que os doentes coñezan a labor de apoio e acompañamento que desenvolvemos dende a asociación, baseado nas experiencias persoais que vivimos as persoas que temos esta enfermidade”.