O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro inauguraron este martes no Paseo Marítimo da cidade do Landro a exposición de Ana María Gómez a Maruja Mallo, que estará exposta ata o 4 de febreiro. Esta mostra forma parte da programación de actividades que o Executivo da Deputación ofrece con motivo de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu homenaxear polo Día das Artes Galegas, á artista lucense Maruja Mallo.
Campos Conde subliñou que “con esta exposición, poñemos punto e final a un amplo programa de actividades coa que homenaxeamos a vida e obra desta lucense universal. Maruja Mallo, que estivo vencellada coa Deputación de Lugo durante os 3 anos que foi bolseira; é unha artista que sobresae polo seu compromiso coa identidade galega, e a defensa dos dereitos das mulleres. Maruja foi sempre unha adiantada á súa época. E dende a Deputación, non podemos estar máis orgullosos de ter participado directamente na súa formación, e que lle permitiu comezar a súa andadura profesional”.
A mostra, ao aire libre, está composta por catro cubos nos que pode repasarse a biografía da autora, colaboracións na Revista de Occidente, o seu traballo como bolseira na Deputación de Lugo, así como diversos retratos. Nesta exposición tamén pode verse a súa famosa obra Guía Postal de Lugo. Este cadro pintado por Maruja Mallo, foi realizado en 1929 por encargo da Deputación de Lugo para ilustrar as páxinas do libro Lugo y su provincia (Libro de Ouro). Nesta pintura a artista ofrece a súa visión de Lugo a través dun collage de diversos lugares da provincia, a modo de postais superpostas. Por último, nesta exhibición poden contemplarse reproducións da colección de obras de Maruja Mallo que posúe o Museo Provincial de Lugo, dous lenzos; “Arquitectura mineral” do ano 1.930, e “Agol”, do 1969.