A Consellería de Infraestruturas e Vivenda realizará en xaneiro o sorteo para fixar as listas de adxudicatarios das vivendas de promoción pública na provincia. A Xunta ten neste momento 67 vivendas vacantes en 16 concellos de Lugo; 44 delas corresponden ao réxime xeral, dispoñibles en venda ou alugueiro, e 23 ao réxime especial por estar emprazadas en cascos históricos ou no rural, polo que só están dispoñibles mediante alugueiro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ofreceu hoxe estes datos en rolda de prensa e fixo fincapé na necesidade de que todas as persoas interesadas se inscriban á maior brevidade no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), xa que na segunda quincena do mes de xaneiro se celebrarán os sorteos dos que sairán os listados de adxudicatarios dos distintos municipios.
Balseiro incidiu en que neste momento hai concellos que xa esgotaron os listados e non quedan persoas interesadas para facer chamamentos pese a ter vivendas baleiras: Esta é a situación en Becerreá -onde hai vivendas a estrear-, Chantada, Vilalba e Viveiro -con pisos en pleno casco histórico-.
O Rexistro Único de Demandantes é a base sobre a que cada principio de ano se elaboran os listados que serven para ir adxudicando as vivendas que quedan vacantes. A vixencia da inscrición é de tres anos.
As 44 vivendas vacantes no réxime xeral teñen unha superficie media de 75,48 metros cadrados; o prezo medio de venda dunha vivenda tipo oscila entre os 33.445 euros de mínimo e os 39.019 euros de máximo, e o prezo de alugueiro entre os 69,68 euros e 97,55 euros cada mes.
Por outra banda, hai 23 vivendas dispoñibles nos cascos históricos de Lugo, Chantada, Lourenzá, Monforte, Ribadeo, Vilalba e Viveiro, cunha superficie media de 61,90 metros cadrados. O prezo medio de alugueiro oscila entre os 64,53 euros e 90,35 euros mensuais.
As persoas interesadas en acceder a estas vivendas deben residir ou traballar en Galicia e non ser propietarios doutra vivenda, salvo que sexa inadecuada ou insuficiente para as súas necesidades. Tamén deben acreditar uns ingresos familiares determinados, segundo opten a unha vivenda polo réxime especial (máximo 4,5 veces o IPREM) ou xeral (máximo 2,5 veces o IPREM).
Balseiro animou ás persoas interesadas a dirixirse ao IGVS para resolver as dúbidas que poidan ter, e lembrou que a solicitude de inscrición pode realizarse presencialmente ou a través da sede electrónica da Xunta.
Axuda para o afectado polo lume en Sober
O delegado territorial explicou tamén que esta mesma mañá o executivo autonómico púxose en contacto co alcalde de Sober, para ofrecerlle axuda á familia da parroquia de Amandi á que un lume lle calcinou a casa por completo a madrugada de Nadal.
Balseiro explicou que a Xunta daralle dúas posibilidades á familia para acceder a unha vivenda, ou ben concederanlle o acceso directo a unha das vivendas de promoción pública que o IGVS ten en Monforte -en Sober non dispón de ningunha- ou ben se lle dará un bono aluguer duns 150 euros mensuais ao longo de tres anos cos que financiar unha vivenda na súa localidade.