Afundación, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Centro Pen de Galicia convocan a décimo sexta edición do Premio de Poesía Afundación co obxectivo de recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega.
As persoas interesadas en participar poderán entregar as súas obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata o vindeiro 31 de maio de 2018. Un xurado constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no eido literario e presidido polo titular do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar, decidirá a obra merecedora do galardón, e a resolución farase pública durante o verán de 2018.