Lugo instará ao Goberno Central a cumprir o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero

Lugonovo acadou hoxe en pleno a maioría -coa única abstención do PP- para a súa proposta de instar ao goberno central a cumprir co acordado no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. “O pasado 9 de outubro o Congreso dos Deputados acordou que, con cargo aos Presupostos Xerais e, durante os próximos cinco anos, se destine ás administracións locais, vía tranferencia, un incremento anual de 20 millóns de euros para loitar contra esta lacra e asistir, de forma integral, ás súas vítimas”, explicaba esta mañá a voceira da formación, Cristina Pérez Herráiz, durante a súa intervención no Pleno.

“Sen embargo, a decisión do executivo estatal de non presentar, ata o de agora, un proxecto orzamentario para 2018 non pode abortar a aplicación dese Pacto” – abondou a portavoz – “de maneira que, se é preciso, no caso de  prorrogarse as contas deste exercicio, deberá realizarse a modificación de créditos oportuna que posibilite darlle cumprimento, e neses termos queremos que o noso Concello así llo solicite”.

Cristina Pérez Herráiz lamentou a falta de vontade amosada polo Partido Popular ao decantarse pola abstención no seu posicionamento á hora de respaldar esta moción, trala cal a Corporación secundou un minuto de silencio para condenar o último asasinato machista, cometido hoxe nunha localidade de Guadalaxara.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com