A Xunta loita na costa contra as especies de prantas exóticas invasoras

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio consolida a conservación dos hábitats naturais da costa lucense a través dunha campaña, que se desenvolverá ao longo das próximas semanas, dirixida a controlar e erradicar as especies exóticas invasoras.

Trátase dunha actuación que, segundo explicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, permitirá a eliminación de varias destas malas herbas e moi en particular, das popularmente coñecidas como plumacho da Pampa (Cortaderia selloana), a uña de gato (Carpobrotus sp) e a agave americana.

“Estamos a falar -engadiu Balseiro- dunha acción que ten por finalidade a contención destas especies fóra dos espazos naturais costeiros para evitar a degradación de hábitats e favorecer a conservación da flora autóctona ameazada. O obxectivo que se consegue é protexer e por en valor espazos de gran riqueza natural”.

En consecuencia os traballos realizaranse prioritariamente na contorna da rede de espazos naturais da costa, como son a zona das Catedrais, na Ría Foz-Masma, no río Ouro e na zona da mariña Occidental.

Ao tratarse dunha acción única no conxunto da Comunidade autónoma os traballos sobre o terreo dependerán da evolución e do remate previo noutras áreas, pero a programación de actuacións prevé comezar nas vindeiras semanas desde Ribadeo e rematar a finais do vindeiro mes de xaneiro no Vicedo.

Ao tratarse de especies exóticas de alto impacto onde non é doada a súa erradicación, as accións están dirixidas a evitar a súa expansión (contención) ou limitar os danos que producen en hábitats ou especies sensibles (control), considerando principalmente a Rede Natura 2000.

Ademais co obxecto de intentar extraer conclusións que permitan marcar as pautas en futuras actuacións, contemplase facer un seguimento dos traballos de xestión realizadas que permita asegurar a eficacia dos métodos de control aplicados,  a evolución do hábitat, a aparición de novas especies invasoras, etc.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com