O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, presentou esta mañá na Comandancia da Garda Civil as 20 novas motocicletas do Subsector de Tráfico, que se recibiron esta mesma mañá e que se van distribuír nos destacamentos de Lugo, Monforte e Burela para renovar a súa flota.
Trátase de motocicletas modelo BMW R 1200 RT, con maior cilindrada e potencia que as anteriores, e equipadas con tecnoloxía de última xeración en cuestións de seguridade e operatividade.
Estes vehículos forman parte do total de 300 que a Dirección Xeral de Tráfico adquiriu para toda España -80 delas para Galicia- e que supuxeron un investimento de máis de cinco millóns de euros. Todas elas están xa dispostas para o seu uso, coincidindo coa campaña especial de Nadal, que se prolongará ata o vindeiro 7 de xaneiro.
Entre as novidades que incorporan as novas motocicletas salienta a decoración en cor amarela flúor, que se suma aos clásicos blanco e verde das motos de Tráfico, adaptándose deste xeito á nova normativa europea que recomenda o uso desa cor nos vehículos policiais. Contan ademais con luces led especiais que lles outorgan maior visibilidade. Deste xeito proporciónase maior seguridade tanto ao propio motorista como ao resto de usuarios das vías.
Estes vehículos contan ademais con departamentos específicos para o traslado de medios portátiles para a realización de controis de alcohol e drogas, ou de velocidade. Do mesmo xeito, os novos modelos permiten gardar o casco dentro da maleta e inclúen lanterna con cargador.
O subdelegado do Goberno explicou que coa incorporación destas motocicletas se persegue “un único obxectivo, que é mellorar a seguridade nas estradas”. Neste sentido, recoñeceu o “excelente traballo que realizan día a día” os axentes do Subsector de Tráfico ao tempo que fixo un chamamento á responsabilidade ao volante, nunhas datas ademais nas que se celebran numerosos eventos e coas inclemencias meteorolóxicas propias do inverno. “Debemos ser prudentes e responsables ao volante, respetando as normas de circulación e, por suposto, non conducir nunca se se consumiron substancias que mermen o nivel de atención e reflexos”.