O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, deu conta este mediodía sobre os asuntos que o Executivo aprobou na última Xunta de Goberno que tivo lugar hoxe e informou que “rematamos o 2017, xerando outros 201 novos postos de traballo para lucenses no paro e investindo outros 560.000 euros na dinamización social da provincia a través do deporte e en colaboración co conxunto do tecido asociativo lugués”.
E é que o Goberno da Deputación resolveu hoxe as axudas de concorrencia competitiva de 485.000 euros para clubs e entidades deportivas da provincia e as de 75.000 euros para deportivas individuais tamén de todo o territorio lugués.
O Executivo aprobou tamén a resolución definitiva das axudas de concorrencia competitiva de 2,4 millóns do Ben Empregado 4, máis social, que puideron solicitar todos os autónomos, PEMES e colectivos da provincia. Os beneficiados resultaron ser 201 entidades e asociacións luguesas, que ofrecerán outros tantos postos de traballo.
Campos Conde destacou que a vindeira semana se publicará no BOP a listaxe de entidades e colectivos beneficiados, así como os 201 perfís laborais que demandan, “todos eles dirixidos, exclusivamente, a lucenses actualmente no paro de todos os sectores”, pois os perfís son moi variados: camareiros, psicólogos, deseñadores gráficos, albaneis, pintores, educadores sociais, monitores de tempo libre, licenciados en dereito, enxeñeiros, xornalistas, mestres… entre outros. En xaneiro, abrirase o prazo de solicitude dos empregos.
O Presidente explicou que “dentro da nosa aposta por unha Deputación social e coas persoas, con estes fondos de 2,4 millóns financiamos o 100% os custos laborais durante 1 ano de 60 lucenses, hoxe no paro, por tratárense de veciños con capacidades diferentes, en risco de exclusión laboral ou por retomar a súa actividade laboral en colectivos sociais da provincia. Financiamos o 50% dos custos laborais doutros 141 lucenses, tamén hoxe no paro, pola súa incorporación laboral en establecementos de autónomos e PEMES da provincia”.
Deporte
O Executivo da Deputación resolveu as axudas de concorrencia competitiva, aberta a todos os lucenses, por valor de 560.000 euros cuxo obxectivo é a dinamización social da provincia a través do deportes. Desta cantidade, 485.000 euros son para colaborar coa actividade competitiva de 321 entidades e clubs deportivos, así como na celebración de multitude de eventos que organizan nos Concellos durante todo o ano. Outros 75.000 euros son para contribuír á actividade de 150 deportivas individuais da provincia, que compiten en distintas disciplinas deportivas: atletismo, natación, tiro olímpico, judo, ciclismo, pesca ou piragüismo, entre outras. Tamén se publicará nos vindeiros días no BOP a listaxe detalla de beneficiados destas axudas.