Membros da Xunta Directiva de
Cidadáns Lugo acudiron esta mañá á Comisaría da Policía Nacional na
cidade para contribuír na campaña de recollida de firmas que policías e gardas civís, baixo o paraugas da asociación Jusapol, están a levar a cabo en toda España para a
presentación no Congreso dunha Iniciativa Lexislativa Popular a favor da equiparación salarial de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado.
A portavoz de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, acompañada doutros membros da agrupación en Lugo, como o concelleiro Jesús Expósito ou o coordinador de CS Lugo, Juan Vidal-Pardo, quixeron desta forma mostrar o seu apoio á “reivindicación xusta” dos axentes.
“Compartimos as demandas de policías e gardas civís de toda España e levamos moito tempo traballando para que esta equiparación se produza”, explicou Olga Louzao, que avanzou aos axentes que “Cidadáns non apoiará os Orzamentos Xerais do Estado de 2018 se non se fai efectiva”.
O custo da equiparación está estimado en 1.500 millóns de euros. A proposta de Cidadáns é que se faga de forma progresiva, con 500 millóns de euros cada ano para que a equiparación sexa real en 3 anos. “Consideramos que é de xustiza que quen realiza o mesmo traballo cobre o mesmo salario”, afirmou Olga Louzao.