Peatonalizar en Lugo

O refraneiro quere que o inferno estea cheo de boas intencións, para evidenciar que non basta coa intención, senón que hai que pasar á acción.

En Lugo, as intencións de peatonalizar cobraron vida desde hai anos, e tense pasado á acción nas rúas Progreso, San Pedro, Nóreas, Campo Castelo, Raíña, Praza Maior, Bispo Aguirre, Rúanova, Praza do Campo, parte da Ronda, Miño e San Marcos, no centro de Lugo, en difícil labor municipal que ten que ser compatible cos lexítimos dereitos dos residentes nesas zonas que teñen que acceder aos seus garaxes. Que ás veces xeneran tráfico importante porque os residentes fan valer os seus dereitos.

A recente reconstrución dun edificio en San Marcos orixinou un garaxe nas inmediacións da Deputación, e no concello non tiveron mellor idea que autorizar o seu acceso desde San Fernando, cruzando toda a praza de San Marcos.

E un perfecto desatino, tendo en conta que entrando pola praza de Santo Domingo, o traxecto reduciríase así, a ollo, nunhas dúas terceiras partes. E se se entrase desde a Rúa do Teatro, pola rúa creada á beira da muralla para o edificio construído sobre o solar do antigo Gran Teatro, non se molestaría a ninguén.

Claro que o acceso pola rúa do Teatro ten o inconvinte de que se considera privado aquel tramo á beira da muralla se é posible concibir unha tal privacidade urbana, especialmente lindando co monumento. Pero iso non ocorre co acceso desde a Praza de Santo Domingo, aínda que si pode resultar máis dificultoso pola ocupación de solo por parte dun establecemento de hostalería, cuestión tamén importante polo imposible acceso que se está utilizando nestes momentos, e que anula totalmente – por momentos, é verdade- o carácter peatonal da nova praza de San Marcos, que ve fortemente rebaixado o seu carácter.

Para dar solución a casos así, viría ben aquela utopía de unir o aparcamento de Santo Domingo co da Praza de Ferrol, por debaixo de San Marcos, e os dous co que se pretendía facer debaixo da explanada de San Fernando. Pero diso nunca máis se soubo. E con situacións coma esta poñámonos a tremer co proxecto de peatonalización e cubrición de Quiroga Ballesteros, que pode resultar algo tremendo ademais de espectacular.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com