Adif comprométese a unha reunión a tres bandas este mes para avanzar na Intermodal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo esta mañá en Madrid un encontro co presidente de ADIF, Juan Bravo, no que se acadou o compromiso da entidade pública empresarial dunha nova xuntanza este mesmo mes, en concreto na semana do 22 de xaneiro, a tres bandas –Adif, Xunta e Concello- para impulsar a construción dunha Estación Intermodal en Lugo, a única das grandes cidades galegas para a que nin nos orzamentos autonómicos nin nos estatais se contemplan a día de hoxe fondos.

Na nova xuntanza a celebrar antes de finalizar o mes participarán técnicos das tres administracións co fin de “avanzar no proxecto da Intermodal, o único que nos garante que o AVE chegue a Lugo e, deste xeito, dispoñer de infraestruturas ferroviarias modernas que nos comuniquen co resto de Galicia e da Meseta, que vertebren o territorio, impulsen o desenvolvemento social e económico da nosa cidade e nos fagan, en definitiva, cidadáns de primeira, como se merecen os lucenses”, asegurou a rexedora.

Méndez cualificou deste xeito de “fructífero” o encontro co presidente de Adif, no que tamén participou a directora xeral de Explotación e Construción desta entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento, un encontro que se celebrou tras a petición realizada pola rexedora a finais do pasado mes de maio.

“Xa antes de comezar deu os seus froitos, polo que cabe esperar que empecemos a materializar este proxecto de maneira inmediata. E dígoo porque de camiño a Madrid soubemos que a Xunta xa empeza a falar de investimentos, de partidas presupostarias, e iso é o que necesitamos, compromisos orzamentarios para poder materializar este gran proxecto que é a Intermodal para Lugo”, subliñou a Alcaldesa en referencia ao anuncio da Xunta desta mañá sobre o remate dos estudos previos da Estación, para a que dixo estimar necesario un investimento de 6,5 millóns de euros.

“O maior sorprendido incluso” por esta nova dada pola Xunta, explicou Lara Méndez, “ata foi o propio presidente de ADIF. “Isto é o inicio para seguir avanzando neste compromiso que queremos os lucenses, polo que xa cerramos unha reunión dende o punto de vista técnico entre as tres administracións na semana do 22 de xaneiro”, engadiu a rexedora.

Outros temas tratados

No transcurso do encontro analizáronse tamén os traballos de mellora que está a levar a cabo Adif para cumprir co compromiso do Ministerio de Fomento de executar actuacións de mellora do trazado existente entre Ourense e Lugo. En concreto, trátase da renovación de vía da liña férrea Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, a electrificación entre Lugo e Monforte, e os proxectos para a supresión de todos os pasos a nivel da liña. Actualmente, estanse redactando para a súa licitación inmediata os proxectos para a renovación da infraestrutura, na parte que non se verá afectada polas variantes. Ademais, está previsto que os estudos informativos para as novas variantes do trazado, que corresponden á Secretaría Xeral de Infraestruturas (SGI) do Ministerio de Fomento, poidan estar listos ao longo deste ano para poder licitar a redacción dos proxectos en 2019.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com