A Consellería de Economía, Emprego e Industria, apoia a mellora da eficiencia enerxética en preto de 30 empresas do sector industrial lucense favorecendo unha mobilización de 2,2 millóns de euros. O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) vén de resolver a convocatoria de axudas para a realización de auditorías, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro enerxético en empresas dos sectores industrial e hoteleiro a desenvolver durante 2018.
A achega da Administración autonómica permitirá impulsar estes proxectos que, como beneficio común a todos eles, axudarán ás empresas beneficiarias gañar en competitividade grazas á redución das súas facturas enerxéticas.
Ademais estes apoios axudan a avanzar nas políticas de protección do medio ambiente de cara a cumprir os obxectivos fixados pola Unión Europea; e impulsan a creación de emprego.
Para exemplificar os beneficios deste programa de axudas o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá a empresa Mader Campo SL, beneficiaria destes apoios, que procederá a instalar unha central fotovoltaica e renovar a cámara de secado
Máis en concreto, a primeira das instalacións proxectadas consiste nunha central solar fotovoltaica cuxo obxecto é a xeración de enerxía eléctrica utilizando como materia prima a radiación lumínica do sol. É por iso que se trata dunha instalación novidosa e cun alto interese social. O segundo dos investimentos apoiados permitirán o cambio a cámara de secado antiga por unha nova de tecnoloxía actualizada que permitirá un aforro enerxético moi considerable.