O PP solicita a Méndez que Lugo acolla a celebración dunha Xura de Bandeira para civís

O vivevoceiro popular, Enrique Rozas, afirmou esta mañá que máis dun cento de lucenses “tiveron que desprazarse á Coruña, Ferrol ou Pontevedra para participar nun Xura de bandeira civil”. Algo do que, segundo Rozas, existe unha “crecente demanda” nos últimos tempos. Por isto mesmo é polo que o popular solicítalle á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que inicie as xestións necesarias coa Subdelegación de Goberno e con Defensa para “que se celebre na cidade unha Xura de Bandeira para civís”.

Enrique Rozas propón que este evento se organice para esta primavera polo que insta a Lara Méndez “a que presente canto antes a solicitude formal do municipio para acoller esta Xura de bandeira para civís”. Unha vez que se acepte o trámite habería que coordinar a organización do acto entre as institucións implicadas. En canto á localización da Xura de bandeira civil o vicevoceiro popular suxire que se contemple a posibilidade de realizala na Praza Maior diante do Concello.
O vicevoceiro popular explica que nos últimos tempos hai unha crecente demanda de civís interesados na Xura da bandeira española poñendo de manifesto que “nos últimos anos máis dun centenar de lucenses desprazáronse a outras localidades galegas para participar neste acto”.
Os destinos destes xurandos foron Pontevedra (Brilat en Figueirido e na Escola Naval Militar de Marín), Ferrol (Escola de Especialidades fundamentais da Graña e na Escola de Especialidade Antonio Escano) así como na Coruña (Cuartel Xeral da Forza Loxística). O vicevoceiro popular Enrique Rozas indicou que “na Xura de bandeira poden participar aquelas persoas que teñan nacionalidade española, que cumprisen os 18 anos e que non fosen declarados incapaces por sentenza xurídica firme”.
O popular matizou que no protocolo que desenrola esta celebración indícase que “a Xura civil é a expresión cívica, pública e individual de lealdade cara a España e cara aos españois. Trátase dun compromiso por defender os intereses colectivos e comprometerse a iso sendo un bo cidadán”. O popular asegura que nos últimos meses disparouse o número de persoas interesadas en demostrar publicamente o seu compromiso coa bandeira española e lembrou as 900 persoas que desfilaron diante da mesma no acto que se celebrou en setembro na Coruña.
“O PP insiste en dividir á sociedade”
O voceiro do BNG – AA, Rubén Arroxo, saíu ao paso desta “ocorrencia” do Partido Popular de promover unha xura civil de bandeira na cidade e pediulle aos populares “seriedade” para evitar “dividir á sociedade lucense entre españolistas e non españolistas”. Arroxo engadiu “debemos traballar para non promover o odio e apoiar a existencia dunha sociedade plural permitindo as diferencias sociais e ideolóxicas existentes como é a lucense”. O BNG pediralle á alcaldesa que non se promovan actos de “nacionalismo exacerbado e excluinte”. 

Para o BNG “o concello de Lugo non é a institución axeitada para promover actos de corte castrense e o PP é un partido político que non debería politizar as bandeiras”. Arroxo dixo que “o PP insiste en dividir á sociedade con actos que separen as persoas entre españolistas e non españolistas e trasladar a Lugo o problema que xeraron en Cataluña”, e engadiu que “o patriotismo español non é un dos problemas que máis lles preocupan aos lucenses e o PP debería sabelo se é que aspiran a gobernar algún día nesta cidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com