O SLG detecta erros masivos na revisión catastral de Vilalba que afecta a máis de 1.200 granxas

O Concello de Vilalba anunciaba, hai uns días, a aprobación de bonificacións na aplicación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) coa intención de minguar o forte impacto económico que a revisión catastral realizada neste municipio ía ter nas economías familiares, especialmente no rural e nas propiedades das granxas. Porén, segundo afirma o Sindicato Labrego Galego (SLG), esta boa nova poderíase ver ensombrecida polos erros masivos que se cometeron na Regularización catastral.

E é que, segundo contan, nun comunicado aos medios, dende o SLG, os servizos de recadación da Deputación de Lugo, veñen de enviar 1.200 notificacións nas que reclaman atrasos do IBI de 2015 a bens regularizados ese mesmo ano. Xa non abondaba cos prexuízos económicos do catastrazo -taxas de 60 euros na revisión de cada ben e o correspondente incremento do IBI-, senón que agora castigan aos e ás contribuíntes cunha carreira de obstáculos burocrática innecesaria motivada por erros administrativos.

Despois de varias comprobacións, o SLG puido comprobar que moitos deses expedientes correspóndense con cortes e instalacións agrarias e non teñen a obriga de pagar eses atrasos porque as alteracións deberían ter efectos no Catastro Inmobiliario dende o un de xaneiro de 2016, segundo especifica a normativa reguladora sobre a data de alta para as construcións indispensables para o desenvolvemento das explotacións agrarias que: Los valores tendrán efectividad el día 1 de enero siguiente a aquel en que se publique la mencionada resolución, con independencia de la fecha en que se notifiquen.” 

Diante disto, o Sindicato Labrego Galego xa anunciou que vai rexistrar un escrito no Concello de Vilalba no que demanda do goberno municipal que dea á Deputación de Lugo orde de paralización do cobro ao que instan estas notificacións, até que se comprobe se efectivamente se trata de construcións agrarias ou non e, de selo, se corrixa de oficio a data de efecto da regularización.

A maiores, a coordinadora comarcal do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, solicitou unha entrevista co alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde Díaz, e co persoal técnico responsábel da área económica no concello, para tratar esta problemática e buscar o mellor xeito de solucionala.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com