ACE-EU considera “fracasada” a xestión da Xunta no polígono das Gándaras

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (ACE-EU) tilda de “fracaso” a xestión do goberno da Xunta no Polígono de As Gándaras, que “serviu máis para fomentar a especulación que a actividade industrial”. “Non se entende o triunfalismo do PP presumindo de que só queden 17 das 119 parcelas dispoñibles para a venta, cando das 112 parcelas vendidas só hai 30 naves con actividade empresarial e unha decena de naves baleiras agardando a ser alugadas. Ademáis, non se conseguiu apenas actividade productiva, senón maioritariamente comercial e de ocio, polo que o apelido industrial lle vén moi grande a este polígono”, explica o concelleiro Carlos Portomeñe.
ACE-EU asegura non verlle utilidade a seguir bonificando á metade de prezo a venta de parcelas, pois só “favorece o afán especulativo sen asegurar que se poñan en marcha proxectos empresariais reais”. Nese sentido, lembra que o Polígono de As Gándaras, cuxo custe ascendeu a 40 millóns de euros, estivo cinco anos sen conseguir vender as parcelas e que cando en marzo de 2015 se puxeron á venda co prezo reducido ao 50%, en tres días vendéronse 25 parcelas a empresarios lucenses. 

O edil lembra tamén que o Concello de Lugo xa eliminou o ano pasado na modificación das ordenanzas, a proposta de ACE-EU, as exencións fiscais ás naves sen uso indefinido para poñer freo á especulación no Polígono de As Gándaras, e solicita que se dea un paso máis nese camiño, volvendo a esixir a definición de uso para a concesión das licencias para a propia construcción das naves. Precisamente, foi ese tipo de licencia o máis solicitado nos polígonos durante o “boom” da especulación inmobiliaria.

ACE-EU defende as bonificacións para o fomento do emprego, pero tendo en conta a progresividade fiscal por nivel de renda e ofrecendo garantías reais de que se xerarán novos postos de traballo. Non é o mesmo a exención do 50% para un negocio coa facturación de 1 millón de euros que para outro que factura 40. Nós propuxemos bonificacións nos trámites e licencias de apertura de establecementos comerciais ós autónomos que abran un primeiro negocio, por exemplo. Hai que diferenciar entre axudar aos novos emprendedores e conceder privilexios fiscais a empresas consolidadas para adquirir activos inmobiliarios”, explica Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com