O BNG-AA no Concello de Lugo presentará unha iniciativa para promover na cidade un centro BTT que sirva para incentivar no concello a práctica de deporte con bicicletas todo terreo. “Trátase dunha inversión mínima que pode dar soporte a moitas persoas que practican este deporte e Lugo ten un entorno excepcional para a bici de montaña” dixo o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo. Un centro BTT é un espazo de recepción do que parten diversas rutas de bicicleta de montaña e que reúne certas características que pasan porque as rutan sumen como mínimo cen quilómetros, estar balizadas e clasificadas por niveles ou algúns servizos cos que debe contar o punto de acollida como mapa das rutas, información técnica, punto de lavado ou aparcadoiro de bicicletas, entre outras.
Arroxo sinalou que “aínda que terá que ser o goberno municipal quen decida cal debe ser a ubicación, un lugar idóneo podería ser o Pazo Universitario de Deportes se o goberno municipal é capaz de chegar a un acordo coa Deputación” e explicou que “existe un amplo aparcamento, un servizo 24 horas de apertura da instalación, duchas, e todos os servizos requiridos poderían implementarse cunha pequena inversión, ademais dende ese punto existe un fácil acceso pola pasarela ao paseo de río Miño que enlaza con numerosas rutas cara diferentes lugares do concello”. “Trátase dunha inversión mínima que pode dar soporte a moitas persoas que practica este deporte e Lugo ten un entorno excepcional para a bici de montaña” dixo Rubén Arroxo
A creación de centros BTT é capaz de atraer turismo e xerar actividade económica sostible na área de influencia. Segundo Arroxo,“este tipo de inciativas, ademais da parte deportiva, teñen unha definición social pola que temos que apostar, por que máis alá das características técnicas que o centro BTT debe reunir, o importante é que desempeñe funcións sociais como a práctica do deporte, o contacto coa natureza o desenvolvemento das zonas rurais de interior, a sostenibilidade, a promoción turística, etc…”. Arroxo apuntou que xa existen centros BTT en diversos concellos galegos “e a promoción de eventos e rutas supuxo un importante servizo para a veciñanza da zona e un significativo atractivo de visitantes”.