A edil do BNG no Concello de Lugo, Maite Ferreiro, informou da privatización da atención do Cemiterio municipal nas fins de semana e días festivos. Nesta mesma semana, de feito, foi adxudicado o contrato a unha empresa funeraria para prestar este servizo nos días non laborables. “A contratación foi feita a través dun procedemento negociado no que é o goberno o que invita ás empresas que considera e ignorouse a listaxe de persoas que ten o concello para traballar no servizo do Cemiterio” sinalou Maite Ferreiro que lembrou “é curioso que esto se tramite deste xeito a pesar de que o Cemiterio é un dos servizos considerados como esenciais no concello de Lugo”.
Ferreiro explicou que “a pesar de que hai 13 persoas nunha lista para ser contratadas e cubrir este servizo o goberno municipal preferiu pagarlle unha empresa privada”. En xaneiro de 2017, fai xustamente un ano, aprobouse a creación de bolsa de traballo para atender as necesidades laborais do Cemiterio con contratacións directas do concello, algo que, segundo a nacionalista, “non se chegou a utilizar a pesar da necesidade existente que agora queda demostrada con esta privatización do servizo” afirmou Maite Ferreiro que engadiu “parece que o PSOE prefire darlle beneficios a unha empresa que crear postos traballo de calidade a través de contratacións directas do concello”.
Para o BNG, “este é un exemplo de todos eses pagos feitos polo PSOE sen publicidade nin concurso público que se adxudican a empresas predeterminadas”. “O BNG xa veu denunciando outras situacións ao longo do pasado ano nas que servizos municipais prioritarios quedaban descubertos ao non facerse as contratacións para substituír a traballadoras e traballadores nas súas vacacións ou nas baixas prolongadas” afirmou Maite Ferreiro, que lembrou os casos dos postos de traballo que non se cubrían en servizos sociais de Lamas de Prado, nos pisos de acollida do concello, e nas escolas infantís municipais, entre outros.