Álvaro Lemos retorna ao CD Lugo “feliz por esta nova oportunidade”

Esta mañá tivo lugar no Hospital Polusa de Lugo a presentación de Álvaro Lemos como novo xogador do CD Lugo. Unha posta de longo na que o lateral compostelán amosou a súa alegría por retornar ao Anxo Carro: “Estou moi contento e estou moi feliz de estar aquí, da oportunidade que me volve a brindar o Lugo e tentarei recompensarlle no terreo de xogo.”

O acto comezou coa benvida por parte de Miguel Larrosa, Director Médico do hospital Polusa, como anfitrión que se amosou “encantado” de pór a disposición do club as instalacións e o parque tecnolóxico “coa intención de animarvos”. Ao rematar Larrosa, colleu o turno o Director deportivo dos albivermellos, Víctor Moreno quen daba a benvida ao novo xogador, cedido polo Real Club Celta de Vigo.

“É un día especial, unha presentación bonita, porque supón o regreso de non só un xogador senón unha persoa querida para todo afeccionado do Lugo, entón creo que ten certas connotacións especiais esta fichaxe”, anunciaba Moreno.

Ao mesmo tempo, o responsable na parcela deportiva do CD Lugo, relataba os tempos nos que se fraguou a contratación, lembrando o mal estado da plantilla con catro baixas. “A lesión de Campabadal precipitou todo. É máis, esa mesma noite cando conseguimos un primeiro diagnóstico, eu creo que xa nos puxemos en contacto coa contorna de Álvaro, co axente, para tentear un pouco a súa situación. É certo que, por sorte, chegamos a tempo porque tiña outras situacións próximas e mostrou en todo momento a súa predisposición por regresar ao CD Lugo”.

O director deportivo revelou que se trata dunha contratación na que “buscabamos un lateral de perfil similar ao que neste caso perdiamos, pero axuntar tamén outras capacidades que eu creo que tamén nos poden facer crecer como equipo”.

Pola súa banda, Álvaro Lemos revelou cales foron os motivos polos que decidiu comezar unha segunda etapa á beira do Miño. Para o lateral, o CD Lugo “funciona moi ben” xa que a pesar “destes tropezos nas últimas cornadas” estça a facer unha boa campaña. “Cando as cousas van ben un equipo fluído, o corpo técnico funciona ben, está todo o mundo contento, un grupo humano moi bo…é moi fácil tomar a decisión.”

Para esta segunda etapa, o propio Lemos confesou aterrar como un xogador máis maduro, “cando estiven aquí era o primeiro ano no que xogaba no futbol profesional. A partir de aí todo foi crecer: crecer tanto futbolística como humanamente, tanto defensivamente como en ataque. Ao final aprendes cousas en equipos diferentes e quedaste con cousas que che serven para o futuro”. O xogador compostelán, que recolocou a súa posición á de lateral na súa anterior etapa en Lugo, mostrou tamén a súa predisposición para poñer a súa polivalencia ao servizo do corpo técnico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com