A Xunta de Galicia adquirirá inmobles en estado de abandono ou semiabandono na zona da Tinería, do casco vello de Lugo, para rehabilitalos e destinalos a alugueiro social, co obxectivo de acadar arredor de 9 novas vivendas rehabilitadas. Para elo, o Goberno galego destinará 500.000 euros durante este ano para adquisición dos devanditos inmobles. Esta actuación enmarcase no programa Rexurbe co que a Xunta de Galicia traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos de Lugo, Ferrol, Betanzos e Ourense, para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación.
Trátase, en definitiva, dun concurso público no que os propietarios interesados poderán ofrecer os inmobles da súa propiedade para que sexan adquiridos pola Administración autonómica. E, precisamente, así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, aos representantes das asociacións de veciños e comerciantes e de empresarios do barrio, reunidos a tal efecto esta mañá, para coñecer de primeira man as características deste programa.
“Tiñamos o compromiso de investir a totalidade dos recursos que obtivéramos pola venda dos locais comerciais da Tinería a rehabilitación, pero o Concello optou polo aluguer, pechando esta posibilidade. Con todo, nós mantemos ese compromiso coa cidade e hoxe anunciamos a intención do Goberno galego de adquirir 9 novas vivendas, por valor de 500.000 euros que despois serán rehabilitadas e, polo tanto, o investimento previsto polo Goberno galego con este obxecto será próximo aos dous millóns de euros, entre compra inicial e posterior rehabilitación”, dixo Balseiro.