A Consellería do Medio Rural está a traballar na recuperación dos montes tras a vaga de lumes de outubro do pasado ano. Neste senso, e logo de rematar as accións de consolidación de solos nos principais incendios, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez empezará coa retirada de madeira non comercial e a mellora de infraestruturas co fin de evitar posibles atascos e problemas nas canalizacións de auga. Para estas actuacións hai un orzamento de arredor de 4 millóns de euros a executar ao longo deste ano 2018 en toda Galicia.
Os traballos realizados xa no último trimestre de 2017 centráronse fundamentalmente en labores de control da erosión do chan, a través do acolchado de palla nas zonas máis afectadas que así o requirían, a construción de faxinadas de madeira e barreiras filtrantes para impedir posibles desprendementos ou escorreduras. Neste punto cómpre destacar que previamente a cada acción analizouse detalladamente o terreo e estudouse onde era necesario intervir xa que os danos non son xeneralizados. Existen zonas, por exemplo, onde o lume non ocasionou grandes afeccións na cuberta vexetal do solo debido á rapidez coa que se espallou o incendio, que só danou as copas das árbores. Por iso, dende Medio Rural insístese na importancia de que estas accións sexan levadas a cabo por parte de expertos.
En canto á sanidade vexetal, no 2017 empezouse tamén coa trituración de madeira queimada e agora será un dos puntos principais a reforzar no presente exercicio. Na provincia de Lugo, traballouse en cinco grandes incendios que pasaron das 300 hectáreas de afectación. En concreto, foron os acontecidos nas parroquias de Noceda e Donís, no concello de Cervantes; Ernes, en Nogueira de Muñíz; Esmeriz, no municipio de Chantada; e Meiraos, en Folgoso do Courel.
Así, a consellería procedeu á limpeza e roza de máis de 15.000 metros cadrados, reforzando o acopio de terra en preto de 11.000 metros cúbicos. Colocáronse máis de 800 metros lineais de barreiras filtrantes e faxinas e reparáronse as infraestruturas máis danadas, coa correspondente colocación de tuberías. Tamén se actuou en máis de 75 hectáreas de superficie mediante a técnica do acolchado de palla (mulching), tanto manual como aéreo, naquelas zonas máis inaccesibles.
O orzamento previsto para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas afectadas pola vaga de lumes de outubro foi de 7 millóns de euros. Déuselle prioridade aos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo de 2017 e, nunha segunda fase, naqueles lugares onde se considere preciso actuar.
Pola súa parte, o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente destina outros 4 millóns de euros para accións de recuperación nos montes galegos. Actualmente, o departamento galego está a manter conversas co Goberno central para coordinar os traballos a desenvolver, co fin de unir sinerxías e reforzar as actuacións sen solaparse.