Socialistas da provincia e veciños esixen ao PP a retirada da reforma sanitaria

A Caravana pola Sanidade Pública volveu a arrancar hoxe, sábado, cun milleiro de participantes que acudiron para secundar a petición dos veciños da Mariña: a retirada da reforma sanitaria á Xunta. A esta caravana uníronse tamén representantes socialistas de toda a provincia.

Máis de mil persoas que a grito de “a área da Mariña, non se elimina” esixiron ao Partido Popular na Xunta de Galicia que retiren a súa reforma da Lei de Saúde coa que “pretende recortar máis servizos sanitarios no conxunto do territorio lugués en detrimento dos máis de 300.000 cidadáns da provincia”. A caravana, organizada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, chegou de tres puntos do litoral lugués, San Cibrao, Foz e O Valadouro, dende onde se desprazaron máis de 300 coches ata o Porto de Burela. De aí, saíron a pé ata diante do centro de saúde burelense onde se concentraron para “reclamar ao Partido Popular a non supresión das 3 áreas sanitarias da provincia (Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos) que queren levar a cabo coa reforma sanitaria que nos impón; a desvinculación da Mariña e Monforte da xestión integral con Lugo á que tamén nos obriga; a mellorar a atención primaria que está a desmantelar sucesivamente; e a dotación dos recursos económicos e humanos necesarios dos que nos priva hai anos para mellorar a calidade asistencial que é precaria”.

Así o recollía o manifesto que leron participantes na caravana e no que se lembrou que o pasado 2 de agosto se publicaba a reforma da Lei de Saúde de Galicia, suprimindo as tres  áreas sanitarias existente na provincia “de xeito premeditado, sen diálogo e con total escurantismo, cando moitos profesionais e veciños están de vacacións. Xa vemos como o PP de Feijóo concibe a negociación e a transparencia”.

“O obxectivo do Goberno do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública, consolidando a súa liña de recortes que tanto dano fixeron e están a facer ao sistema público de saúde; provocando a perda de máis servizos nos hospitais comarcais e afastando, deste xeito, a resolución dos problemas da cidadanía”, reclamaban no manifesto. “Introduce un perigoso cambio no xeito de xestionar e planificar os servizos sanitarios, un perverso cambio de modelo, pasando de basearse nas necesidades sanitarias e asistenciais da poboación, a ter só en conta os recursos sanitarios existentes. Trátase dun cambio moi substancial, que permite concentrar os recursos onde máis conveña ou onde estean xa instalados, sendo os propios veciños os que teñan que acudir a ela”, denunciaron.

“O modelo consolida, ademais, o abandono e relegación da atención primaria, a máis próxima e accesible para a cidadanía e os doentes, que xa non recuperará as súas estruturas de planificación e xestión, o seu orzamento propio, afondando nun deterioro da calidade asistencial xa implantada. O Goberno do PP vende a sanidade. Nós defendémola”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com