A TIC da Deputación transmitirá en directo o Concurso Lucus Intercentros do IES Muralla Romana, que este ano se adianta ao 19 de xaneiro. A cita, que celebra a súa sétima edición, está organizada polos alumnos de Administración e Xestión do centro lucense, coa axuda da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e o departamento de Informática do CIFP Politécnico de Lugo.
Dez alumnos e alumnas de segundo curso de Realización Audiovisual da Escola da TIC, baixo a supervisión dun docente, encargaranse da transmisión en streaming. Os estudantes rotarán entre os postos de realizador, mesturador, son e cámara, permitindo así que todos teñan as mesmas oportunidades de aprendizaxe. Esta será a primeira experiencia cunha práctica fóra das instalacións da Escola este ano. Poderán repetir esta oportunidade no Campionato Internacional de Baristas que se celebra dentro dun mes en Foz.
Alumnos e profesores dos institutos de educación secundaria públicos de Lugo daranse cita ás 11.00 horas no salón de actos do IES Muralla Romana. Unha xornada lúdica que forma parte da formación dos estudantes de Asistencia á Dirección na organización de eventos e actos públicos do centro lucense.
Ao longo de toda a mañá terán lugar distintas probas eliminatorias ás que se enfrontarán os equipos. Os alumnos someteranse en cada unha delas a dez preguntas tipo test elaboradas por profesores das distintas áreas do instituto anfitrión. Ao finalizar o certame, terá lugar a entrega de premios aos centros que se sitúen en mellor posición.
A TIC e o IES Muralla Romana teñen asinado un convenio co que se promocionan as ensinanzas do instituto lucense á vez que se complementa a formación dos estudantes da EIS. Con este acordo, levarase a cabo a emisión en directo da cita, que se poderá seguir premendo sobre o banner que aparecerá nas webs da TIC (www.fundaciontic.org) e do IES Muralla Romana (www.edu.xunta.es/centros/iesmurallaromana).