Libera! pide que Concello e Xunta aseguren o benestar equino e a súa identificación

A asociación animalista Libera! denuncia que os achados e casos de cabalos desnutridos e abandoados á súa sorte estanse a converter “nunha estampa desgraciadamente habitual no termo municipal de Lugo, sen que ningunha administración, local ou autonómica, puxese en marcha unha soa medida preventiva fronte a recoñecidas situacións de malos tratos”.

Libera! fixo estas declaracións esta mañás tras o achado esta mesma semana do cadáver dunha egua con aparente desnutrición no vertedoiro de Muxa, o que, para esta asociación, “pon sobre a mesa un problema sen resolver e sobre o que nin Concello nin Xunta prestaron a suficiente atención ata o momento”, a pesar de que ambas as institucións son competentes para intervir.

A Asociación Animalista Libera! e a Fundación Franz Weber, organización internacional fundada en 1975 e con dilatada experiencia en recuperación de équidos maltratados, advertiron este martes sobre a dilación á hora de intervir e o “pasotismo” mostrado por ambas as administracións por igual, advertindo que estarían a incumprir as súas propias disposicións sobre benestar animal.

Así, os colectivos instaron ao goberno local a realizar, durante o mes de Xaneiro, un plan de inspeccións que permita coñecer o número real de équidos e cans, especies sobre as que é obrigatoria a identificación a través de microchip, para determinar o grao de problemática sobre o abandono e malos tratos que existe no municipio. De maneira paralela os animalistas reprochan á Xunta de Galicia e aos seus representantes territoriais, a falta de iniciativa para protexer aos cabalos, “despois de non poucas situacións dantescas vividas nos últimos meses e reproducidas durante 2017, con animais en pésimas condicións de saúde”.

Lugonovo preguntará polas medidas municipais

Lugonovo interpelará ao goberno para coñecer cales foron as medidas adoptadas polo Concello, dende o ano 2015, para garantir o benestar dos équidos; despois de que na xornada de onte, se atopase unha egua morta con evidentes síntomas de desnutrición.

“A cruel aparición suscitou reaccións inmediatas entre a cidadanía pero tamén nas agrupacións e movimentos de protección animal, como a entidade Libera, esixindo explicacións, por parte do executivo, dos mecanismos que a administración local emprega para controlar e evitar casos de maltrato coma este”, refire Cristina Pérez Herráiz. A portavoz da formación traslada deste xeito o malestar do colectivo activista co que comparte a necesidade de volver poñer sobre a mesa o debate sobre a defensa dos dereitos dos animais en Lugo e a sensación de “pasotismo” que, ao respecto, transmite a inacción do equipo de goberno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com