O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) rexeitou esta tarde a través dun comunicado a decisión do goberno municipal de Lugo de contratar, para as fins de semana, o Servizo de Inhumación de cadáveres nas distintas unidades de enterramento do Cemiterio Municipal a unha empresa privada.
CCOO non entende por que o Concello ten realizada unha listaxe con 13 persoas que contan coa categoría de Oficial Sepultureiro para poder cubrir vacantes ou necesidades que poidan xurdir, se non fai uso dela.
“A decisión do Goberno do PSOE de acudir a empresas privadas para facer tarefas que corresponden a empregados
públicos reflexa unha posición política que fomenta a precariedade laboral e o negocio empresarial”, afirma a agrupación sindical no seu comunicado, no que se preguntan “cales van ser os seguintes servizos públicos en privatizar, con un maior coste para a cidadanía de Lugo”.
Asemade, CC.OO. non se esquece da tan polémica RPT que, asegura, está “aprobada pola maioría sindical e gardada nun caixón” nesta relación de postos de traballo municipais figuran, entre outros, algún de nova creación para dotar ao Cemiterio do persoal necesario para prestar os servizos á cidadanía.
O sindicato denuncia tamen que “non é admisible” que se acuda a privatizacións de servizos esenciais recollidos pola Lei de Bases cando hai unha bolsa de traballo creada para ese fin. Asimismo, CC.OO. xa anunciou que vai solicitar os informes dos Servizos de Persoal, Cemiterio e de Asesoría Xurídica entendendo que o Goberno Municipal non tomou unha decisión deste calado sin os devanditos informes.