A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, o voceiro do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, e o deputado nacional, Jaime de Olano, valoran positivamente o encontro mantido conxuntamente co presidente do Adif, Juan Bravo, a directora xeral de Explotación e Construción desta entidade pública, Isabel Pardo de Vera, e con representantes da plataforma Lugo non perdas o tren, pois dende o organismo dependente do Ministerio de Fomento reiteraron o seu compromiso coa chegada da alta velocidade a Lugo.
A xuntanza mantida á ultima hora desta mañá xurde do compromiso adquirido en decembro por directivos populares con este colectivo e representantes da CEL, e no que os responsables PP acordaron favorecer esta reunión co fin de que os membros da plataforma e da Confederación de Empresarios coñecesen o estado no que se atopa este proxecto. Tal é así que, no día de hoxe, os directivos de Adif trasladaron aos axentes indicados a súa vontade de manter unha relación directa con eles para mantelos informados dos avances que se vaian producindo ao longo dos vindeiros meses.
Concretamente, Juan Bravo defendeu este investimento, que suporá máis de 700 millóns de euros. A realidade desta obra permitirá que se poda percorrer a distancia que existe entre Lugo e Madrid en torno ás tres horas. De igual xeito, dende a directiva do Adif explicaron o estado dos diferentes procesos de licitación dos proxectos postos en marcha na rede ferroviaria, tanto a electrificación pendente entre Monforte e Lugo, como as variantes necesarias, é dicir, a posta en servizo da de Pobra de San Xillao ou os proxectos de Os Peares e Rubián así como outras obras de mellora en infraestruturas. Neste eido, lembraron que Adif vén de licitar a redacción de proxectos para a supresión dos primeiros pasos a nivel na liña Ourense-Monforte- Lugo.