Vilalba Aberta propón medidas para fomentar unha política agroforestal sustentábel

A asemblea de Vilalba Aberta vén de presentar a que será a primeira das súas iniciativas de cara ao Pleno Ordinario do vindeiro xoves. Unha nova proposta aos grupos con representación municipal, e que ten por obxecto a anticipación e a prevención diante do risco que, para un concello coma Vilalba, están a supor as continuadas vagas de lumes dos últimos anos.

Custes económicos, ecolóxicos, sociais e, inclusive, perdas de vidas humanas que, para a fomación asemblearia, debería ser entendidos por parte do Goberno Municipal coma unha inaprazable chamada de atención, a fin da posta en marcha de políticas de protección e de reordenación do agroforestal vilalbés.

Estamos a falar dunha batería de medidas de entre as cales destacan por enriba de calquera outra as encamiñadas a loitar contra a eucaliptización no termo municipal. Unha problemática, a do seu incremento, que dende Vilalba Aberta asocian ás repoboacións voluntarias apoiadas e subvencionadas dende a administración como único cultivo forestal alternativo e ao avance descontrolado cara a terras abandonadas por espallamento da semente.

Na mesma liña se pronunciaba o seu voceiro, Modesto Renda, explicando que diante da negativa do Ministerio de Medio Ambiente á inclusión do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras, a normativa vinculante para as comunidades autónomas permite aos concellos a aplicación de medidas de carácter urxente. “Dende xa o Goberno Municipal conta coas competencias para acometer a paralización das plantacións de eucalipto en lugares sensibles, isto é: os incluídos na Lei de Espazos Naturais e Rede Natura, afastar debidamente esta especie de calquera ben inmoble, así coma dos pastos, das zonas agrarias, das estradas convencionais e liñas eléctricas, ademáis de romper a continuidade das masas forestais de eucalipto con distancias mínimas de separación” sentenciou.

Neste senso se pronunciará diante do pleno, a fin da aprobación dunha verdadeira “Proposta Integral”, que abrangue dende a elaboración dunha ordenanza municipal que inclúa beneficios para os propietarios de plantacións con especies autóctonas, ata a posta en marcha dun Observatorio Medio Ambiental no Concello e a xestión municipal baixo convenio das labouras de prevención, a fin de que ditos medios traballen durante todo o ano, especialmente nos meses de inverno e primavera.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com