SOS Sanidade Pública organiza unha nova manifestación contra a Lei da Saúde da Xunta

A Plataforma SOS Sanidade Pública organiza unha nova manifestación contra a reforma da Lei da Saúde aprobada en agosto pola Xunta de Galicia, para o vindeiro 4 de febreiro ás 12 do mediodía. Así o anunciou esta mañá a plataforma mariñá na Defensa pola Sanidade Pública da Mariña quen deu unha rolda de prensa chamando á participación nesta actividade “para berrar ben forte que queremos manter a nosa área sanitaria, que non queremos ser pacientes de Lugo, que imos a apostar pola sanidade da nosa comarca, que queremos unha ampliación de servizose que non nos leven os que temos, que non somos cidadáns e cidadás de segunda e que merecemos unha sanidade digna, de proximidade e de calidade”.

Os voceiros desta plataforma aseguraron que levan 6 meses realizando actividades reivindicativas na defensa da Sanidade Pública da Mariña e lembrou que fixeron tamén “repartos de panfletos informativos que se repartiron en mercados e feiras, o día 5 de outubro tivemos unha mobilización en Burela que foi masiva. posteriormente creouse en Viveiro un grupo de apoio á Plataforma chamado Somos unha Área Viveiro e que desenvolveu durante varias semanas actividades lúdico- reivindicativas en Viveiro con gran participación veciñal; o 30 de novembro culminou cunha concentración numerosísima na Praza da Fontenova e lectura dun manifesto”.

Ademáis esta plataforma ten realizadas varias caravanas pola Sanidade Pública ás que se sumaban numerosos veciños nos seus vehículos. “Todas estas actividades teñen por finalidade amosar o noso absoluto rexeitamento á supresión da Área Sanitaria da Mariña e pasar a ser un distrito da macroárea de Lugo, pois isto significa centralizar os recursos sanitarios na capital e incrementar os desprazamentos cara Lugo”, denuncia a Plataforma.

A Plataforma lembra ademáis que haberá un autobús gratuito para todos os veciños que decidan acudir a esta manifestación, para o que deberán anotarse previamente antes do día 1 de febreiro nos teléfonos  982 58 18 61 / 982 14 06 54 / 667 05 20 58.

Desde a Plataforma Sanitaria fan un chamamento non só á veciñanza senón tamén a alcaldes e alcaldesas da comarca para que amosen o seu apoio a esta manifestación e piden a colaboración das administracións locais na mobilización de veciños da Mariña e mesmo, facilitar transporte ata Compostela “sufragando autobuses, gasto que para os Concellos non é significativo”.


Imaxe: Montse Porteiro

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com