A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, xunto ao Presidente de Somos Unidos Contra el Cáncer, José Manuel Vázquez Castro, inauguraron este sábado o Taller de marcha nórdica impartido pola Federación Galega de Montaña e organizado pola Asociación lucense en colaboración co Goberno da Deputación, no que participaron preto de 50 lucenses. O obradoiro foi impartido por Cristina González e Cecilia García, monitoras da Federación, que explicaron as técnicas da marcha nórdica, un deporte de resistencia e unha forma de exercicio ao aire libre que consiste en camiñar coa axuda e impulso de bastóns similares aos utilizados no esquí.
López Izquierdo subliñou que “para nós é un privilexio acoller este tipo de obradoiros de carácter deportivo e saudable abertos a toda a poboación, e no que contaremos coa experiencia e sabedoría de dúas monitoras da Federación Galega de Montañismo, que nos darán as claves dunha modalidade como é a marcha nórdica, con moitos beneficios que favorecen o estado físico e mental de calquera persoa”.
A Deputada de Benestar e Igualdade puxo en valor “o traballo de asociacións como Somos Unidos, que traballan diariamente para axudar aos doentes e familias a vencer esta enfermidade na provincia de Lugo” e avanzou que “nos gustaría que este tipo de obradoiros se poidan repetir varias veces ao longo do ano, para achegar o deporte e un estilo de vida saudable a todos os nosos veciños”.
O obradoiro constou de dúas partes divididas nunha teórica, que se levou a cabo no salón de actos da Deputación, e unha parte práctica que tivo lugar polo adarve da muralla. Estivo dirixido aos seguintes ámbitos sanitarios: enfermidade coronaria, enfermidade arterial periférica, EPOC, cancro de mama, diabetes tipo II, obesidade, osteoporose, fibromialxia, depresión, derrame cerebral, insuficiencia cardíaca, enfermidades pulmonares, síndrome metabólico, artrite, cancro, linfedema, claudicación intermitente.