O Grupo Municipal Socialista presentará unha moción no pleno de mañá sobre o establecemento dun sistema público de pensións con maior capacidade de redistribución e redución das desigualdades. Os socialistas de Vilalba propondrán ao pleno que se inste ao goberno de España a volver ao consenso de 2011, derrogando os cambios producidos posteriormente, así como garantir o poder adquisitivo das pensións en relación ao IPC e eliminar o factor de sustentabilidade establecido polo PP.
No que atinxe ás políticas públicas, sitúan o Sistema Público de Pensións como a “ferramenta con maior capacidade de redistribución e redución das desigualdades”, afirma a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. “As políticas de emprego do PP puxeron en perigo a sustentabilidade económica das pensións, que entraron nun período de déficits constantes e crecentes, o que xerou unha inestabilidade e incertidume entre todos os cidadáns, por iso imos propoñer un cambio estrutural neste eido, pois os nosos veciños e veciñas de Vilalba tamén están a sofrir estas consecuencias”.
Para os socialistas, estes cambios lexislativos responden a unha intención directa por parte do Partido Popular “para preparar o camiño cara os Fondos de Pensións privados en detrimento do Sistema Público de Seguridade Social, esquilmado nos últimos anos logo de someter a un espolio permanente o Fondo de Reserva, que pasou de contar con 66.815 millóns de euros a finais de 2011 a 8.095 millóns de euros”. O Fondo de Reserva, xurdido da reforma da estrutura financeira da Seguridade Social levada a cabo polos gobernos socialistas en 1989 e recollido posteriormente como unha recomendación do Pacto de Toledo, estaba previsto para ser usado cando xurdisen as maiores tensións xeracionais sobre o Sistema, en torno ao ano 2023.
Ademais, aseguran que este ano 2018 comezou na mesma liña e “os populares, no canto de expor medidas serias no marco do Pacto de Toledo e o diálogo social, decidiu seguir endebedando á Seguridade Social cun crédito de 15.000 millóns de euros”. Porén, “desde o Partido Socialista consideramos que o dereito ás pensións e o acceso ao Sistema da Seguridade Social debe considerarse un dereito constitucional incorporado como tal na reforma que propoñemos e que, unha vez máis, apoiaremos desde todos os lugares onde a nosa veciñanza se está a ver afectada”.