A Garda Civil de
Lugo finaliza a operación
Pellas, na que se investigaron as actividades dunha autoescola, pola suposta
realización fraudulenta de varios cursos para a obtención do permiso de clase A, que autoriza a condución de motocicletas de gran cilindrada.
No marco das actuacións realizadas procedeuse á lectura de dereitos como investigados por supostos delitos de falsidade documental ao director e a un profesor de Autoescola, así como a 5 alumnos desta. Os investigados son todos homes de nacionalidade española, con idades comprendidas entre os 25 e os 53 anos e veciños de poboacións da Mariña Lucense e Asturias.
A investigación iniciouse ante as sospeitas de que se estivese expedindo, por parte dalgunha autoescola, certificados de aproveitamento ficticios, co consecuente risco para a seguridade viaria que iso supón, tanto para o condutor como para o resto de usuarios.
Desde o 1 de setembro de 2011, para obter o premiso A é necesario ser posuidor dun permiso de conducir da clase A2 cunha antigüidade mínima de dous anos, e superar un curso formación cunha duración de nove horas lectivas, distribuídas en coñecementos teóricos e prácticos impartidos polas autoescolas. Finalmente, a través das investigacións realizadas polo Grupo GIAT do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo púidose constatar que os cursos non se estaban realizando, expedíndose a continuación os certificados de aproveitamento que dan acceso á obtención do referido permiso.
Este tipo de prácticas, á parte de ser unha competencia desleal no sector das escolas de condutores, afecta de maneira grave á seguridade viaria, xa que habilitan a conducir motocicletas de gran cilindrada e potencia a persoas que non demostraron ter a suficiente pericia, provocando un risco elevado de accidentalidade.