A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiron esta mañá unha xuntanza con representantes municipais e persoal técnico para informarlles dos detalles das axudas e subvencións para a promoción da igualdade.
A nova convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado luns, engloba tres programas distintos: o de fomento da conciliación; o de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e o dirixido a apoiar os centros de información ás mulleres (CIM) Este ano, o Goberno galego destina para este fin un orzamento que supera os 4,2 millóns de euros -cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- contía da que poden beneficiarse tanto os concellos, como consorcios, mancomunidades ou agrupacións ou asociacións de municipios.
Ademais, nunha nova mostra de colaboración coas administracións locais o Consello da Xunta vén de autorizar a concesión de anticipos de ata o 75 por cento do total das subvencións concedidas nalgún destes tres programas.
Ao igual que en anos anteriores, darase prioridade aos proxectos de xestión compartida, cun incremento de puntuación e, polo tanto, de subvención para os concellos que presenten solictudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.