O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes, destacou hoxe en Lugo o compromiso das pemes galegas coa mellora da competitividade como unha das claves para consolidar o crecemento económico e a creación de emprego de calidade en Galicia.
O director do Igape salientou que 52 empresas de Lugo decidiron en 2017 impulsar plans de mellora ao abeiro dos programas ReAcciona e ReAccionaTIC, nunha visita que realizou ás instalacións de ExpoFrain, a mostra especializada en recambios de automoción que xunta esta fin de semana en Lugo a 120 expositores con máis de 160 marcas procedentes de 25 países, entre os que se encontran Portugal, Francia, Italia, UK, USA, Finlandia, Suecia e Alemaña.
O Instituto, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, acaba de activar a segunda convocatoria do programa Galicia Rural Emprende para apoiar proxectos empresariais centrados en actividades non agrogandeiras en ámbitos rurais, un programa que concedeu axudas por importe de 658.000 euros para apoiar once proxectos de emprendedores da provincia de Lugo, no marco da convocatoria do pasado ano. Cividanes lembrou tamén que Igape activará en datas próximas novas convocatorias dos programas ReAcciona e ReAccionaTIC.
ExpoFrain é un evento especializado centrado en recambios para vehículos, tanto camións como turismos, ou maquinaria agrícola e de obras públicas. Trátase dunha mostra que ocupa 4000 metros cadrados de exposición e que se complementa con maquinaria para os talleres mecánicos e empresas de servizos relacionados. Con esta iniciativa, conmemora Recambios Frain o 25 aniversario da súa creación.