O voceiro do BNG-AA no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu esta mañá que se tomen medidas para mellorar a visibilidade da fiestra arqueolóxica situada na praza de Santa María. Neste momento a cristaleira que a cubre permanece totalmente empañada e non se pode ver a piscina romana que alí foi atopada. “Esta claro que o mantemento é nulo por que os condutos de ventilación están cheos de folla o que demostra que fai moito tempo que non se fixo nada nesta instalación museolóxica” asegurou Arroxo que incidiu na necesidade de “manter os elementos que son atractivo turístico na cidade, ademais de viaxar a Fitur todos os cargos de PP e PSOE con cargo aos fondos públicos”.
O voceiro do BNG-AA sinalou que “este é un exemplo da falta de preocupación do goberno por poñer en valor o noso patrimonio” e tamén “da necesidade de ter persoal e estrutura nos servizos municipais para que poidan vixiar este tipo de cuestións que redundan na boa imaxe da cidade”. “Esta fiestra arqueolóxica dispón dun sistema para evitar a condensación no vidro pero é preciso que se faga o debido mantemento” dixo Rubén Arroxo.