Feijoo anima a pular pola unión que fai que un 55% do leite se produza en sociedade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ao sector agrogandeiro a seguir forxando alianzas para afrontar os grandes retos, producindo con calidade, cuns prezos sustentables, diminuíndo custos de produción e transformando a materia prima. Nesta liña, subliñou que máis do 24% dos gandeiros galegos, ao que corresponde o 55% da produción, xa están unidos a través de distintas fórmulas: sociedades civís, sociedades agrarias de transformación, sociedades limitadas, sociedades anónimas, comunidades de bens ou cooperativas.

Durante unha visita á Cooperativa Aira, en Taboada, Feijóo referiuse a estas instalacións como un bo exemplo de todo o que está a facer ben o sector lácteo galego no camiño cara á vindeira década. Un camiño cara á innovación e xeración de valor engadido; cara á profesionalización e a remuda xeracional nas empresas agrarias; e cara á integración e a consolidación de economías de escala.

Nesta liña, subliñou que coa unión dos máis de 2.600 socios esta cooperativa deu un gran paso para aumentar a rendibilidade, mellorar a xestión das explotacións e fortalecer os seus balances; para integrarse mellor na cadea de valor agroalimentaria; e para demostrar que os gandeiros galegos están unidos para afrontar os novos retos do sector. Non en van, as cifras de Aira demostran a súa fortaleza con máis de 200 traballadores, unha produción leiteira de 310 millóns de litros ao ano e cunhas vendas consolidadas de 94 millóns de euros anuais.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou como proba da evolución que está a experimentar o rural que, entre 2017 e 2018, se están a poñer en marcha proxectos por valor superior a 200 millóns de euros para transformar produtos agroalimentarios, dos cales máis dun terzo corresponden ao sector lácteo. Referiuse, a modo de exemplo, a proxectos como a gran planta de transformación que está a construír Goodleit en Curtis; a nova liña de produción de queixos de Entrepinares en Vilalba; ou a ampliación da planta de Leche Celta en Pontedeume para elaborar leite pasteurizado.

Neste senso, destacou as máis de 1.300 axudas aprobadas polo Goberno galego para mellorar as explotacións e garantir a imprescindible remuda xeracional, cun investimento total máis de 52 millóns de euros. Deste xeito, máis de 460 mozos incorporáronse á actividade agraria e 850 persoas realizaron investimentos nas súas empresas co apoio da Xunta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com