O Secretario Provincial do PsdeG, Álvaro Santos Ramos, fixo un chamamento á cidadanía a unirse á concentración organizada para o vindeiro domingo en Santiago de Compostela na defensa da Sanidade Pública e en contra da reforma sanitaria que está a tramitar o executivo autonómico e que, segundo Santos Ramos “se levará por diante as tres áreas sanitarias da provincia”. O socialista afirmou esta mañá que o “PP ten a valentía de desmantelar o modelo de xestión da sanidade actual, un modelo que é verdade que ten amosado o seu mal resultado e asúa ineficacia para resolver os problemas dos veciños e veciñas; pero plantexando un modelo que nada vai a resolver, non se incorporan novos recursos, nin novos servizos. Solo se exprimen máis os existentes”.
Nesta rolda de prensa tamén estiveron presentes os representantes de cada unha das tres áreas sanitarias da Provincia, Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e o alcalde deste último municipio, José Tomé. Santos Ramos afondou nas grandes esperas que teñen que sufrir os pacientes e en como solucionalas. Asegurou ademáis que Lugo, aínda que non é o Concello onde a precariedade sanitaria é máis visible, será igual de afectado pois empeorarase a asistencia porque “eses mesmos recursos serán utilizados por todos”.
“Falamos da área hospitalaria porque é a máis visible pero esto súmase ao abandono da atención primaria que non ten recursos humanos, nin materiais; que non ten ambulatorios con mantemento básico… é un deterioro da sanidade pública que vai introducindo na mentalidade social a búsqueda doutra alternativa no ámbito privado, porque precisamente esa é a filosofía do Partido Popular”, asegurou Santos Ramos quen fixo tamén referencia á gran contestación social que recibiu unha reforma sanitaria semellante á galega, que o PP quixo instaurar en Madrid. Para o secretario provincial do PSdeG a cidadanía “temos que plantar cara ao PP” ante esta reforma sanitaria.
“Non cubren as faltas de persoal”
A voceira da Plataforma de Lemos, Paqui Vázquez, lamentou as “mentiras” do PP, que “non cubren as faltas de especialistas nas áreas comarcais”. Para Vázquez, a poboación envellecida de Monforte vé como se lle complica chegar a Lugo, pois moitos dependen dun servizo de transporte “que xa se nos suprimiu”. Paqui Vázquez resaltou o gran “déficit de persoal” e lamentou as grandes listas de espera “están maquilladas, funcionan con axendas pechadas, listas de un ano, seis meses… Incluso en TACs oncolóxicos, totalmente mentira as listas que saen; e as cirurxías trasládannas a Lugo, por eso se perciben esperas cortas”.
Pola súa banda, a voceira da Plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña, Arancha Incera, asegurou que o que sucede en Monforte “é un reflexo” do que sucede en toda a provincia. “Temos un hándicap a maiores, que son as obras do hospital, parece que invirten, pero só aumentan o tamaño das consultas. E o que por un lado dan aumentando as consultas, por outro nolo quitan en servizos”.
Para Incera, “non é entendible” que os historiais en papel se traian todos os días a Lugo ou que non se puidera contar con certos aparellos médicos de gran tamaño no Hospital da Costa porque non había espazo pero, segundo a voceira, “agora que hai espazo físico, non o poñen; interesa máis derivar pacientes a clínicas privadas”.
274 reclamacións nun mes
“O persoal sanitario estáse deixando a pel, non se pode ter un única enfermeira para 30 pacientes”, aclarou Incera, quen afirmou que no que vai de ano, dende o 1 de xaneiro, no Hospital comarcal de Burela, “hai 274 reclamacións, e falamos das rexistradas, porque en moitos casos non che dan o formato oficial, porque así van dando largas”. Para esta voceira, é moi necesario poñer reclamacións, pero ten moi claro que “a única maneira de paralos é sair á rúa, se hai mobilización cidadá e ven risco de perder votos, é a maneira de que dean marcha atrás. A saúde para eles é un nicho de negocio”.
Máis de mil mariñáns a Santiago
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña asegurou hoxe que mais de mil persoas se mobilizarán dende esta comarca para acudir á manifestación convocada por S.O.S Sanidade Pública. Dez autobuses e centos de coches particulares levarán a Compostela o clamor de toda unha comarca que se opón contundentemente aos recortes en sanidade do Partido Popular, á eliminación da Área Sanitaria da Mariña, á centralización en Lugo dos recursos económicos.