A Consellería de Traballo e Benestar asegurou onte, que todos os internos da residencia de maiores das Gándaras reciben os coidados adecuados que favorecen a súa saúde e benestar xeral.
A Consellería desminte que se produzan casos de desatención no centro, como publicaron algúns medios en días pasados debido ás denuncias de varios traballadores da residencia, e explica que a segunda planta está adaptada para persoas con dependencia e só sete dos 22 residentes que a ocupan teñen recoñecido oficialmente algún grao de dependencia.
Nos demais casos, apunta, detectouse que hai residentes que aínda que sexan autónomos necesitan axuda ou supervisión, para determinadas actividades da vida diaria, polo que foron recolocados nesta planta que, ao estar adaptada, resulta máis axeitada para as súas necesidades.
A Consellería lembra que se creou unha praza de auxiliar de enfermería e confirma que de xeito inmediato se ampliará o cadro de persoal con cinco auxiliares de enfermería máis. En todo caso, insisten, faise un seguimento constante dos servizos e dáse cumprida resposta ás necesidades que poidan xurdir.