Preto de 50 persoas, entre as que se atopaba o portavoz de En Marea, Luís Villares, se deron cita ao longo da mañá no primeiro ciclo das xornadas Urbes Habitables que organizou Lugonovo neste sábado. Centrado no caso da Tinería e celebrado en Vinissi, un local do propio barrio, o evento reuniu unha ampla mostra de poñentes ligados á zona que foron presentados por Cristina Pérez, portavoz municipal de Lugonovo, quen salientou que a Lugonovo “tócalle hoxe escoitar ás persoas que asisten a estas xornadas”.
Así, ao longo dos tres bloques en que se dividiu o evento, público e poñentes analizaron a situación do barrio e as alternativas para a súa rexeneración. No primeiro deles, A Tinería: espazo de oportunidades para a xestión pública e o patrimonio construído, Encarna Otero, ex Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta de Galicia (2005-2009) e Iago Lestegás, arquitecto e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico, achegaron unha perspectiva urbanística á análise da situación da Tinería. Encarna Otero non quixo deixar pasar a oportunidade de lembrar a Domingos Merino, exrexedor coruñés recentemente finado, para reivindicar a “memoria histórica” dos alcaldes e os gobernos transformadores.
No segundo bloque, centrado na intervención social e chamado Urdindo Comunidade” a traballadora social Marisé Fernández, a responsable de Muller de Aliad, Ana Barba, e o doutorando en dereito público Andrei Quintiá percorreron varias das asignaturas pendentes do barrio neste eido, coma o risco de segregación, o incumprimento das obrigas de protección social que a propia Constitución establece e a realidade e as alternativas para as mulleres en situación de prostitución na zona.
No terceiro bloque, Porta con porta: o reto da veciñanza, foi a quenda de persoas que viven e traballan na zona de dar a súa opinión sobre o barrio que pisan diariamente. O historiador Adolfo Abel Vilela e a xornalista Nieves Neira Roca debuxaron un relato humano dunha das zonas máis emblemáticas do Lugo popular.
Con posterioridade ás xornadas, a profesora da USC especializada en Historia da Arte Antiga e Medieval, Ana Goi, conduciu un percorrido polo barrio para poñer en perspectiva algunhas das ideas achegadas. A clausura do acto correu a cargo de Luís Villares, quen como lugués fiou un relato sobre a propia historia da súa familia ligada ocasionalmente ao barrio e reivindicou o papel dos barrios populares no desenvolvemento dos dereitos sociais “cuxa materialización hoxe en día cómpre defender”. Villares quixo lembrar que o actual executivo autonómico prima a vivenda sometida ás leis do mercado por riba da vivenda protexida, unha das situacións que poden levar á degradación de espazos como a Tinería.
Feb 07, 2018 - 01:37 PM
Solamente unha duda sobre o feito de incluir como ponente a Adolfo de Abel Vilela:
Avala Lugonovo a actuación deste señor que (sen dubidar da sua boa intención de dinamizar o barrio), mantén aberto un local de hosetelería sen ter licencia de actividade?
No caso de gobernar ou cogobernar o Concello de Lugo, que postura teñen vostedes arredor de casos similares de locales que incumplen os requisitos establecidos polo concello para estar abertos ao publico?